Saturday 04 de May de 2024

Acométense labores de limpeza no leito do río das Xunqueiras


No día de onte iniciáronse os traballos de limpeza do leito no tramo do río Morto (antes da estrada) e do río das Xunqueiras (dende a estrada xeral cara ao C.E.P. Salustiano Rey Eiras). Ata o lugar desprazáronse nesta mesma mañá o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra).
A edil explicou que as tarefas terán continuidade nos vindeiros días e inclúen a limpeza de vexetación que invadían o leito do río, así como a xestión dos residuos vexetais que, nalgúns casos, son alóctonos, polo cal “hai que xestionalo da maneira adecuada”. A empresa que está realizando estes labores é Tragsa,
por un importe de 15 415 euros con cargo aos orzamentos municipais.
Na súa intervención, o rexedor manifestou que se trata dunha zona recoñecida como ARI (área de risco de inundacións). Así mesmo, engadiu que a colmatación, é dicir, o depósito de sedimentos que se produce ano tras ano, favorece o crecemento da vexetación e dificulta o paso da auga, razón pola cal resultou preciso realiza-la referida intervención para garanti-la seguridade da cidadanía ante o perigo de asolagamentos. Tamén apuntou a que se valora, de cara a anos vindeiros, a posibilidade de retirar tamén o sedimento para mellora- la evacuación da auga fluvial. Ademais, o mandatario local sinalou que a actuación no acceso ao centro educativo procurou facerse coa maior dilixencia posible, mais expresou desculpas polas molestias ocasionadas.